Saltar al contenido
Portada » Quico Cadaval

Quico Cadaval

  • por

Nasceu no mes de marzo de 1960, dado que que, con unha sinxela operación matemática, permite actualizar a sua idade automáticamente.

É miope e divorciado. Mas isto nen sempre foi así.Na primeira década da sua vida nen soñaba con que algún dia chegaria a ser. Foi criado por un setter inglés chamado Tule e influido por un violento mestre chamado Bayón.

Na segunda década da súa vida leu con avidez e dificuldade A vida é un soño de Calderón e Duas tácticas da socialdemocracia na revoluçao democrática de Vladimir Ilich. E gozou con Seven Hassel e a sua literatura repugnante.

Na terceira década, ficou finalmente miope até o ponto de conseguir ser dispensado do servizo militar. Fechouselle a porta do heroismo tanto do lado de soldado da patria española como de arrogante insumiso. Ao non ser probado en combate, nunca puido demostrar ao mundo a sua coraxe ou cobardía. Nesta década leu a obra completa de Shakespeare.

Na cuarta década da sua vida desprega as suas capacidades na arte da narración, da dramaturxia e da provocación. Contrae matrimonio cunha mulher e devora a obra de Rúbem Fonseca.

Na quinta década entrou no terceiro milenio e comprovou que todas as profecias resultaran falsas, as utopías defectuosas e as ilusións intactas. Na contabilidade do amor , recebeu muito mais do que deu e entrará en breve en concurso de acreedores. Entusiasmouse pola cultura lusófona e visitou con paixón lugares arqueolóxicos.A década rematou cunha festa dos 50, de carácter propiciatorio que non deu resultado.

Na sexta década continúa a contar contos e a tentar facer teatro no mais vella nazón da Europa que tentaron destruir durante cinco séculos, e que parece que o van conseguir nestes tempos ao contar o imperio con importante axuda nativa.

Fóra diso, é divorciado e miope.