Saltar al contenido
Portada » Manifesto do Día Mundial da Poesía

Manifesto do Día Mundial da Poesía

Por Manuel Rivas

MANIFESTO DA DES-EXTINCIÓN
……Estamos nun tempo de emerxencia no mundo. A poesía sempre foi voz de emerxencia.
……Estamos nun tempo de alarma, de máxima alerta, de Mayday. A poesía sempre responde a un mayday.
……Estamos nun tempo de incerteza, nun rumbo de horizontes enfermos. A poesía é o primeiro e último faro.
……Estamos nun tempo de extincións. A poesía, cada poema, é un acto de des-extinción.
……Estamos nun tempo de bioperversidade. A poesía é biodiversidade.
A palabra poética é sempre colaborativa, dunha soidade compañeira, mesmo no desacougo máis radical hai un dicir último: Non aos tempos mortos! Con ironía, a poesía di: «Un bo día teno calquera!»
……Estamos nun tempo de servidumes. a poesía é resistencia.
……Estamos nun tempo en que a produción de mentira bota fume e cotiza á alza co código de barras envolvente da «realidade alternativa» A poesía é o activismo da verdade, o hip hop da vida, o rap da rúa, o sal da terra, a palabra que bate onde doe o dente.
……A poesía trousa, vomita, rebélase, interpela aos señores e deuses, do poder real ou da mitoloxía, mais nunca fai estragos. Todo é de proveito, mesmo a súa rabia. É excitación creativa, xermola, lanza luces na escuridade. O que a poesía ten de rabia, de noxo, de vergoña, vai atemperada, pola súa natureza poética, pola ironía, a burla ou a compaixón.
…….Estamos en tempos de falta de decoro, onde a honestidade ten un prezo. A poesía non o ten. Cando ten un prezo, cando a súa mensaxe está á venda deixa de selo. Hai algo na alma da poesía que mesmo pon límite á súa dependencia do artificio lingüístico. É unha constante, e reinventada, procura da beleza, que non se conforma coa beleza.
…….Toda revolta que nace da poesía é necesaria. Unha ollada que mira cara dentro e cara fóra, en dobre sentido. Información sensíbel, esencial, top secret. Permite ver o que non está «ben visto», dicir o que non que se pode dicir. Escoitar as voces incómodas, disidentes, marxinadas. É unha óptica da profundidade, para o individuo e para a sociedade. Non admite a corrupción da ollada, agás para rirse dela. Por iso é dunha indocilidade cósmica.
…….Estamos en tempos en que a natureza está sometida a esquilme, maltrato, tortura, e mesmo á definitiva desaparición de espazos libres, é dicir, salvaxes. Tamén as palabras sofren a contaminación, intoxicación e corrosión que atormenta o mundo que nomean. A poesía detéctase porque é a natureza non dominada. É cántico, brinde, lamento, ouveo, manifesto onde as palabras fanadas, tatexas, secuestradas, constrúen un
quilombo ceibe.
…….Estamos nun tempo en que dedicar un día á poesía semella un detalle de calendario de cortesía. En realidade, a poesía non debería estar en ningún calendario. A poesía non pode nin quere estar no centro. Móvese polas beiras, polo cantil, pola cañada, pola maleza, polo lateral, polos envés dos pergameos da historia, os poemas son insectos molestos, escaravellos, cabaliños do demo, lesmas, caracois, que ás veces se
esconden debaixo da terra como as raíces do teixo que van dar á boca dos cadáveres para que falen os mortos. Os misterios que contan misterios.
…….Estamos en tempos en que o poder mercantil declara innecesaria a poesía. Dálle, «concede», unha condición decorativa, ornamento festivo. É un xeito de tentar anestesiar o misterio, o enigma, o pensamento excéntrico, lateral, máxico e cómico. O honorábel e sublime esterco onde leveda a linguaxe.
…….Pois ben. Quen pretenda protexer a poesía, ignora que a poesía é a que nos protexe. Quen a considere innecesaria, ignora que é imprescindíbel, pois é a semente das palabras, o sal da terra, que termarán do mundo.
…….A poesía, si, é un activismo da des-extinción. Berra na indómita primavera: «Non hai tempos mortos!»

MANUEL RIVAS
21, marzo, 2021

Comparte

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *